Rosalía de Castro

Rosalía de Castro

“Abride a fiestra que quero ver o mar”

Rosalía de Castro faleceu o 15 de xullo de 1885 na Casa da Matanza, en Padrón.

Esta fin de semana estase a celebrar o festival Abride a fiestra na Casa Museo Rosalía de Castro. E hoxe é o día grande desta festa que homenaxea a figura de Rosalía a través da música, a poesía e o teatro.

Aquí podedes ver o programa do festival Abride a fiestra, que inclúe tamén visitas guiadas á Casa Museo Rosalía de Castro e un mercado de produtos rosalianos.

Rosalía foi a figura máis importante do Rexurdimento da literatura galega no século XIX, tralos denominados Séculos Escuros, nos que o uso do galego quedara reducido a un uso privado e relegado como lingua culta.

Dende 1963 cada ano celebramos o 17 de maio o Día das Letras Galegas conmemorando a data de publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro en galego de Rosalía de Castro, publicado en 1863.

 

Campanas de Bastavales,

cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

 

Cando vos oio tocar

campaniñas, campaniñas,

sin querer torno a chorar.

 

Cando de lonxe vos oio

penso que por min chamades

e das entrañas me doio.

Cantares Gallegos, 1863

 

 

Descubrir a Rosalía significa descubrir a cultura e a literatura galega. Pero Rosalía é interesante non só como autora, senón tamén como muller galega. Recoméndovos os seguintes libros para achegarvos un pouco máis a ela dende esta dobre perspectiva, como autora literaria e tamén como muller:

 

Lama, M. X., (2017) Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837 – 1863). Vigo: Editorial Galaxia.

 

 

Reimóndez, M. (2017) Corpos exorbitantes: Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure. Santiago de Compostela: USC.

 

 

Lada, M. (2016) Mulleres bravas da nosa historia: Rosalía de Castro. Santiago de Compostela: URCO Editora.

 

 

 

Miña casiña, meu lar.

¡Cantas onciñas

de ouro me vals!

Follas Novas, 1880

 

Aproveitade esta xornada de portas abertas para namorarvos aínda máis de Rosalía de Castro e coñecer o seu fogar. Vémonos hoxe en Padrón?

Lidia

Sen Comentarios

Escribe un comentario