fbpx
 

Porta Miñá. A porta máis orixinal da muralla romana de Lugo

Porta Miñá. A porta máis orixinal da muralla romana de Lugo

Catedral de Santa María, Patrimonio da Humanidade, dende a Porta Miñá da muralla romana de Lugo.

 

A Porta Miñá

No barrio da Tinería, no centro histórico de Lugo, atópase a Porta Miñá, a porta máis orixinal da muralla romana, que debe o seu nome ao río Miño, a un kilómetro de distancia dende aquí. Ademais de ser unha das portas máis antigas da muralla romana de Lugo, a Porta Miñá é a que mellor conserva a súa estrutura orixinal romana, xa que apenas foi modificada se a comparamos coas demais entradas ao recinto amurallado.

Ata esta porta chegaba unha das rúas principais de Lucus Augusti, o decumano máximo con traxectoria leste – oeste procedente do foro, a gran praza romana, centro da vida pública onde estaban ubicados os principais edificios a nivel administrativo, relixioso e comercial.

Rúa da Tinería. Decumano máximo de Lucus Augusti. 

 

A Porta Miñá tamén recibe o nome de Porta do Carme debido á proximidade extramuros da capela do Carme, fronte á Sala de Exposicións Porta Miñá, visita imprescindible para coñecer a evolución da cidade de Lugo en época romana, dende a súa orixe como campamento militar ata a caída do Imperio coa invasión sueva no século V d. C.

 

Corpo de garda e alicerces da torre romana na Porta Miñá.

 

A construción da Porta Miñá

Aínda que a orixe da cidade de Lucus Augusti se remonta ao século I a. C., a construción da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000, comezou a finais do século III d. C. Naquel momento o Imperio Romano sufría unha importante crise política, económica e social. Os chamados “pobos bárbaros” presionaban nas fronteiras e fíxose necesario construir murallas defensivas en diferentes cidades para protexerse dun posible ataque. Nese contexto de inestabilidade xurde a muralla de Lugo.

O principal material empregado para construir a muralla foi a pedra local, a pizarra, moi abundante na rexión, combinada tamén con bloques de granito en determinadas partes, como por exemplo as portas.

Para unha mellor defensa a porta dispoñía dunha rexa de ferro que se elevaba e baixaba a través dun mecanismo situado na parte superior, no corpo de garda. Ademais desta rexa de ferro, na parte interior había tamén unha contraporta de madeira. Tanto a rexa como a contraporta de madeira axudaban como elemento defensivo en caso de ataque dende o exterior.

Consérvanse tamén os alicerces de dúas torres que franqueaban a porta na parte interior, xusto ao lado das escaleiras de acceso ao adarve da muralla.

 

Escaleiras orixinais da muralla romana de Lugo na Porta Miñá.

 

A vía romana XIX e o Camiño de Santiago

Na actualidade, os peregrinos que se dirixen a Santiago de Compostela seguindo Camiño Primitivo, Patrimonio da Humanidade dende o ano 2015,  saen da cidade por esta porta, dende a que teñen que percorrer aínda uns 98 km ata a Praza do Obradoiro en Compostela. Os peregrinos actuais seguen polo tanto parte do trazado da Vía XIX do Itinerario de Antonino, que leva á ponte de orixe romana sobre o río Miño e comunicaba as principais capitais do noroeste peninsular: Asturica Augusta (Astorga), Lucus Augusti (Lugo) e Bracara Augusta (Braga).

 

 

 

A peregrinaxe a Santiago de Compostela tivo especial relevancia na cidade de Lugo durante a Idade Media. Queda como testemuña ao pé da Porta Miñá o espazo que ocupaba o antigo hospital de San Miguel ou “Casa de los Pobres Vergonzosos”, adicado a enfermos, desamparados e probablemente tamén aos peregrinos. Agardamos que se rehabilite o edificio conservado no emprazamento do antigo hospital, xa que implicaría tamén a recuperación dunha parte importante da historia da cidade.

 

A Porta Miñá lembra tamén un interesante personaxe medieval, o trovador Fernando Esquío.

 

Descubre máis sobre a Porta Miñá

Quedan moitas máis cousas por descubrir sobre a Porta Miñá… Vedes estes puntiños que trazan unha liña no chan debaixo da porta? Agárdote para facer unha visita guiada en Lugo e contarche que son estes curiosos sinais no chan e compartir contigo moito máis sobre a cidade romana baixo os nosos pés…

 

 

Agradecemento

Hoxe cando me dispoñía a redactar estas liñas, tiven a sorte de atopar casualmente na rúa ao arqueólogo lucense Enrique González e escoitar detalles valiosísimos da súa propia voz, unha das persoas que leva dúas décadas traballando nas excavacións arqueolóxicas de Lugo. Moitas grazas pola túa axuda, Enrique!

 

Lidia de la Fuente

Licenciada en Humanidades e Guía Oficial de Galicia en alemán e inglés

 

 

Sen Comentarios

Escribe un comentario