fbpx
 

Muralla de Lugo. Onde subir?

Muralla de Lugo. Onde subir?

Sobes ou baixas? Como subir á muralla de Lugo? Onde están situados os accesos á muralla de Lugo?

O adarve ou paseo de rolda da muralla romana de Lugo ten un perímetro de aprox. 2.200 metros.  Percorrelo enteiro é unha das mellores experiencias para calquera visitante da cidade. Pero, onde é máis recomendable subir? A muralla de Lugo é accesible con cadeira de rodas?

 

Mapa de accesos á muralla romana de Lugo

Neste mapa elaborado por Camiños con arte atoparás resposta a todas esas preguntas.

 

 

 

Actualmente a muralla romana de Lugo, que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000, ten 9 puntos de acceso ao adarve ou paseo de rolda: 6 escaleiras, 2 rampas e 1 ascensor. A maioría destas subidas á muralla coincide con algunha das súas 10 portas, aínda que non todas as portas da muralla romana teñen un acceso directo. A través do seguinte itinerario comprobaremos cal é o mellor acceso para cada persoa.

 

Itinerario

A porta con máis accesos é a Porta Miñá, que consta dunha rampa accesible e unha escaleira ao lado. Iniciaremos a nosa ruta neste mesmo lugar, unha das saídas tradicionais dos peregrinos do Camiño Primitivo a Santiago de Compostela a través da antiga vía romana XIX do Itinerario Antonino.

 

 

Dende aquí, continuaremos cara a esquerda, en dirección á Catedral de Santa María. Este pequeno traxecto é ideal para facer cun carriño de bebé, xa que frente á Catedral de Santa María atopamos unha segunda rampa, que podemos utilizar para baixar e continuar descubrindo a cidade. E ao pé da rampa, a Porta de Santiago, tamén escollida por moitos peregrinos para saír cara Compostela.

 

Rampa da muralla na Porta de Santiago.

 

En cambio, se continuamos o noso percorrido ata a seguinte escaleira, ao lado da Praza de Campo Castelo, na parte posterior da Praza Maior, atoparemos a torre da Mosqueira, a única torre ou cubo da muralla que conserva as sús ventás orixinais. Dende estas ventás, os gardas podían vixiar ao posible inemigo a millas de distancia, xa que a cidade de Lugo está situada a 460 metros de altitude.

 

A Mosqueira.

 

Os peregrinos que chegan a Lugo a través do Camiño Primitivo poden subir á muralla segundo cruzan a Porta de San Pedro entrando ao centro histórico, na escaleira da Praza de O Cantiño.

Cando o sol apreta, a zona máis axeitada para pasear pola muralla é a parte posterior da Deputación de Lugo. Os magnolios dos xardíns da Deputación protexen do sol a visitantes e lucenses a certas horas do día.

 

 

 

Xusto antes de chegar aos xardíns atopamos a escaleira da Porta da Estación. E xusto ao pasar os xardíns hai un ascensor accesible con cadeira de rodas que está operativo durante o día segundo o seguinte horario.

 

Horario ascensor muralla romana de Lugo e número de teléfono de consulta.

 

 

                                          Ascensor de acceso á muralla de Lugo.

 

 

Durante o paseo probablemente atoparemos moita xente de Lugo practicando deporte ou dándolle un par de voltas á  muralla para despexarse da rutina diaria, como vemos ao lado das escaleiras da Praza do Ferrol.

 

 

Quizáis nos entrou un pouco de fame dando a volta enteira á muralla… Nese caso, podemos baixar polas escaleiras da Porta Nova e continuar pola rúa Nova ata a Praza do Campo, no centro dos viños e as tapas, onde se concentran gran cantidade de establecementos hosteleiros. Ou tamén podemos continuar pola muralla ata a Porta Miñá, onde iniciamos este paseo e podemos escoller escaleira ou rampa accesible para continuar descubrindo a cidade romana de Lugo despois de darlle unha volta completa a esta muralla única no mundo.

E ti, sobes ou baixas?

 

 

Lidia de la Fuente

Licenciada en Humanidades e Guía Oficial de Galicia en alemán e inglés

 

 

Sen Comentarios

Escribe un comentario