Curso de Atención ao Cliente

Curso de Atención ao Cliente

Que me recomendas facer? Que podo visitar pola zona? Que podo facer nunha tarde? Hai algo interesante para visitar nos arredores?

Todas as persoas que traballamos no sector turístico atendendo directamente ao visitante escoitamos con frecuencia preguntas como as anteriores. Na recepción dun hotel, nun albergue de peregrinos, nunha oficina de turismo… Tamén incluso en tendas de artesanía ou de produtos gastronómicos locais.

 

 

A atención que prestamos aos visitantes é moi importante para eles e tamén para a nosa vila, o noso pobo ou a nosa cidade. Deste contacto entre a poboación local e os visitantes depende en gran medida o grao de satisfacción da súa experiencia turística. Incluso pode ser un factor determinante para fidelizar ao visitante e que repitan a viaxe no futuro.

Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo organiza do día 8 ao 11 de abril un Curso de Atención ó Cliente baixo o título Que me recomendas?

O curso será impartido polas tardes de 15:30 a 20:00 horas no Concello de Boimorto e está dirixido especialmente ás empresas turísticas da comarca Ulla-Tambre-Mandeo.

O programa divídese en catro xornadas. O luns e o martes estarán adicados a dúas sesións formativas que inclúen contidos teóricos e prácticos sobre os recursos turísticos do territorio, o papel da poboación local como embaixadora da comarca e o turismo como factor de desenvolvemento rural. O mércores e o xoves faremos dúas rutas turísticas polos concellos da comarca Ulla-Tambre-Mandeo visitando in situ algúns dos principais recursos naturais e culturais.

 

 

O principal obxectivo do curso é que a poboación local que traballa nas empresas turísticas da comarca coñeza o potencial dos recursos turísticos do seu territorio, de tal xeito que lles axude á hora de atender aos clientes que buscan consello sobre as posibilidades que ofrece a contorna.

Queres convertirte nunha embaixadora ou embaixador da túa comarca orientando e axudándolles aos visitantes a descubrir a riqueza natural, gastronómica e cultural do territorio?

Se traballas nunha empresa vencellada ao sector turístico e o Camiño de Santiago, contacta co GDR e reserva a túa praza:

 

Teléfono: 981 511 377

Email:

[email protected]

 

Un pequeno adianto dalgúns dos recursos naturais, culturais e gastronómicos que desfrutaremos durante o curso…

 

Lagoa de Sobrado dos Monxes. Reserva da Biosfera. 

 

Capela de San Roque en Melide. Camiño Francés e Camiño Primitivo a Santiago de Compostela.

 

Queixo de Arzúa.

 

Dolmen Forno dos Mouros. Toques.

 

Agárdote en Boimorto! Porque o principal recurso e o principal valor dun territorio ou dun destino turístico somos as persoas.

 

Lidia de la Fuente

 

 

 

Sen Comentarios

Escribe un comentario